Audio de “A EXPERIENCIA DO PENSAR”
Posted on novembro 17, 2008 - Filed Under Actividades | Leave a Comment
Aquí tendes os audios da charla-coloquio que tivo lugar o pasado 10 de novembro na Facultade de Filosofía:
chúzame - Resumo da charla-coloquio: “A EXPERIENCIA DO PENSAR”(10/11/08)
Posted on novembro 16, 2008 - Filed Under Actividades | Leave a Comment
Baixo este título, Basilio Lorenzo ofreceu un percorrido a través dalgúnhas das problemáticas sobre as que gravita a filosofía contemporánea. Como lector de Heidegger (Basilio é, de feito, un extraordinario coñecedor da filosofía deste autor imprescindíbel), interesouse pola súa desanexión entre o concepto de filosofía e o concepto de pensamento. Así cabe formular a experiencia da crise da filosofía, a fin da filosofía, sen identificalo con ningún tipo de naufraxio no esforzo do pensar, senón co momento no que pensar doutra maneira, distinta á que puxeron en práctica os diversos sistémas filosóficos ata hoxe, é posibel e necesario. É a tarefa do pensar a que está en xogo, mais xa non dentro da filosofía: é entón cando pensar paga a pena. Entón é cando se pensa para o futuro, para aqueles que están por vir. Segundo expuxo o propio Heidegger, esto conleva certas renuncias con respecto a aquelo que se supoñía como as metas ou características inherentes ao pensamento, pero que nonn era máis que as cargas que a tradición filosófica lle puxo enriba: ser ciencia, descifrar enigmas, fornecer de sabedoría, dirixir directamente a acción. A renuncia a estas pautas favorece a distancia fronte ás filosofías dogmáticas habidas ata agora. Basilio Lourenzo contempla que esta noción da fin da filosofía, tan gravemente desenvolta polo filósofo de Ser e Tempo, pode rastrexarse noutras correntes e autores. Así, na súa exposición fixo unha insólita interpretación das ideas marxianas á luz da problemática heideggeriana. O máis decisivo de Marx, a posta da teoría no plano mesmo da práctica transformadora, é o que cabe hoxe reactualizar; sen esquecer que a aspiración de toda a historia da filosofía, expresada de modo culminante polo Idealismo de Hegel, a autoconciencia do espírito, non é nada que xa sucedera, e que xa sucedera na mente dos filósofos. É algo que está por realizar, no mundo real da práctica: é a revolución. É este trance o que se pode por en relación coa fin da filosofía. Na corrente do positivismo, en figuras contemporáneas coma as de Wittgenstein ou Gödel, tamén se chegou, pola súa propia vía, a esta experiencia da fin da filosofía e a relativización do concepto de verdade.
Pero este trasfondo filosófico non esgota por sí mesmo o coñecemento de Basilio Lorenzo, e ó longo do Seminario volcou estas cuestións conceptuais na análise da actualidade inmediatamente percibida por todas e todos: desmontou o discurso económico que semella ser o que expresa tódalas cuestións sociais que nos ocupan, revelou que tal discurso funciona dun modo totalizador e pretendidamente autónomo, cando o que cabe asumir, tomando distancia coa historia da filosofía xa pasada, é unha forma de interdisciplinariedade no que o discurso de cada disciplina e de cada ámbito ten que deixarse enriquecer e modificar por outros. Así, tamén os problemas de economía amosan un calado antes non imaxinado, e que os fai deixar de ser específicamente económicos.
Estas son as cuestións que Basilio Lorenzo despregou na súa charla e na súa conversa no Seminario, co que se puxeron en acción as dificultades do pensar, pero tamén a súa fecundidade. Nunha próxima sesión, chegará aínda máis lonxe esta tensión, esta ambigüidade. Non é outra que a da experiencia do pensar, provocada en cada ocasión na que, como nesta que acaba de ter lugar, as persoas xúntanse e falan, xúntanse e falan dun modo tal que inesperados problemas aparecen.
chúzame - CHARLA-COLOQUIO 10/11/08: A EXPERIENCIA DO PENSAR
Posted on novembro 6, 2008 - Filed Under Actividades | Leave a Comment
Convídase a todas aquelas persoas que queiran participar na discusión a esta actividade organizada por estudantes, que ten como propósito promover o debate necesario para a elucidación teórica de cuestións en torno á práctica social.
Basilio Lorenzo é filósofo e escritor. Parte dunha sólida comprensión da filosofía de Heidegger, do seu esforzo de pensar o pensado, de remover a historia do pensamento. Asimesmo, estivo involucrado en diversas experiencias de loita social e de asemblearismo, particularmente na cidade de Vigo, onde soubo contrastar a potencia do discurso filosófico coas dificultades concretas para a acción emancipadora.
O acto celebrarase o luns 10 de novembro ás 19h, no seminario 330 (terceiro andar canda o ascensor), Facultade de Filosofía (Mazarelos).
chúzame -